sexta-feira, julho 10, 2009

Don Paio

Ver a páxina de O Moscón en http://moscon.blogaliza.org/

O transparente e glorioso trunfo do Feijoismo

Ben se ve, señor Moscón, o moito que lle doeu o brillante e transparente trunfo das gloriosas forzas feijoistas. E antes de que mo diga vostede direino eu, ben sei que o mérito non foi só noso. Porque, sexamos sinceros, ¿quen non se ten queixado do bipartito?. Nós, a dereita española, os que queremos que as cousas funcionen ben, como sempre, sen homosexuais (fóra do armario, que nós respectamos a súa liberdade sempre que non nos queiran impor a súa presencia), nin abortos (legais, que son os que fan escándalo), nin laicismo (público, que en privado cada quen é libre de crer o que queira), nin divorcios, nin separatismos... Sobre todo sen separatismos, porque nós queremos a España e non permitiremos que ninguén nos impoña galeguismos trasnoitados. Si, hai que respectar a nosa liberdade de ser só españois, porque a liberdade é algo moi sagrado, eh?, quen non quere a liberdade?, veña, que levante a man para vergoña de todos os demócratas de verdade.

Pim,pam,pum...Quéixate do bipartito

Pero non, como digo non me refiro aos que de natural queixábanos do bipartito, un goberno que nos quería impoñer o separatismo e o comunismo e o ateísmo e a homosexualidade e o asasinato de neonatos e.... Non, refírome a eses mesmos separatistas e roxos e verdes e lilas e... Acaso non se teñen queixado do bipartito?. Que non?. Por exemplo, non se queixaban da falta de transparencia do concurso eólico? De imposicións na xestión dos incendios? De ataques á liberdade dos propietarios cos bancos de terras?...

Transparencia e seguridade xurídica na dedocracia

Analicemos señor Moscón, porque antes do bipartito os parques eólicos dábanse a dedo, que é un sistema difícil de criticar porque cando se inicia xa se rematou. Ademais era un sistema moi respectuoso coa liberdade. Cando menos coa liberdade do propietario do dedo, e do seu cuñado, ou curmán, ou o que fose, que lle tocaba o dedo, digo o parque. Por riba, as cousas estaban claras dende o principio, o que tamén é unha vantaxe, ou acaso non queremos transparencia no goberno? Pois que maior transparencia que aquela. Todo o mundo sabía que, vía cuñado ou curmán ou amigo ou que fóra, ao final, o parque, ou o dedo, tocaría libremente aos de sempre, Fenosa, Endesa, Iberdrola... sempre os mesmos e ao mesmo prezo, barato. E que dicir da seguridade xurídica?, tocándolle sempre aos mesmos, quen quere maior seguridade? Non había motivo para queixarse.

A imposición do concurso público

E claro, chegan os do bipartito e impoñen unilateralmente outras regras de xogo que obrigan ás empresas a participar nun concurso público. E os que tiñan asegurada a adxudicación quéixanse, con razón, da imposición, porque se é publico poden participar outros e entón, onde queda a seguridade xurídica? e a transparencia no resultado?. E que me di do que querían impor co concurso? Contrapartidas económicas!!!. Imos ver, se os parques son un negocio privado a que vén obrigar a compartilo coa Xunta, que son todos?. Non é iso a imposición comunista?. E a saber en que pensaban gastalo despois!. E esa obriga de ter que ofrecer un proxecto interesante para Galicia?, valente parvada!. Se o que interesa é o máximo beneficio empresarial, a que ven impoñer a empresas madrileñas ou vascas ofrecer proxectos como o de formar un grupo lácteo galego, un clúster das conserveiras ou facer fábricas de xeradores eólicos en Galicia. Iso é ir contra a liberdade empresarial. Había que queixarse.

A liberdade da prensa libre e independente

Por riba algúns proxectos gañadores impoñían unha pa rozando unha futura zona natura, e outros, xa montados nunha zona natura, íaselles aumentar a potencia. Esas desfeitas ecolóxicas en zonas tan sagradas, para algúns, como as naturas, presentes ou futuras, tiñan que ser imperdoábeis. Así o viron, con grande intelixencia estratéxica, os nosos medios xornalísticos libres, eses mesmos que agora poden cantar as excelencias dunha piscifactoría en Cabo Touriñán, e nos informan de que non se pode ir contra o progreso, a transparencia e a liberdade, incluída a liberdade de prensa. Porque, non hai que defender a liberdade sempre?, non hai que defender a liberdade de Pescanova a instalarse onde lle pete?. Quéixese agora do bipartito, se quere.

A liberdade,a dedocracia e a responsabilidade das túas decisións.

E a política de incendios?. Lémbrase. Antes a política contraincedios era clara e transparente. E moi respectuosa da liberdade, todo hai que dicilo. Chegaba o verán e cos cartos contra incendios contratábase xente. Ben, contrataban os concellos, libremente, cos cartos da Xunta. A dedo, claro, sen imposicións, o que, como defendemos antes, é un sistema moi transparente e respectuoso coa liberdade do propietario do dedo, que neste caso, ademais, era o alcalde, elixido por todos e, por tanto, podemos (e mesmo debemos!) dicir que respectuoso coa liberdade de todos. E, como dixemos, sen ningún tipo de imposición ao alcalde, e claro e transparente: Es amigo do alcalde, contrátate, es inimigo (político) do alcalde, non te contrata. Maior transparencia e liberdade imposíbel. E ademais didáctico, que ben se sabe que quen é libre tense que aterse as consecuencias da súa elección, sen dereito a queixarse

¿Quen sabe o que é a xestión da biomasa?

Pois nada, chegaron os do bipartito e liárono todo. Pois non se puxeron a dicir que os incendios hai que apagalos pero, sobre todo, hai que prevelos?, que hai que “xestionar a biomasa”?. Ganas de liala porque ¿alguén sabe que é iso de xestionar a biomasa?. Seguro que algunha imposición a alguén. E as cuadrillas contraincendios centralizadas na Xunta, coa desculpa de profesionalizalas e evitar o amiguismo? Que falta de transparencia. E, que pasa?. Tan malo é que un alcalde teña amigos?. Así é normal que a xente se queixase do bipartito.

Outras imposicións, fallas de transparencias e ataques a liberdade

E o dos libros de texto gratuítos. Onde quedaba a liberdade de subliñalos? E iso de pretender que os nenos galegos se poidan entender cos galegos que falan galego?. Que imposición. E esa afrenta á liberdade dos funcionarios de obrigalos, repito, obrigalos a entender, e incluso falar, o galego?. E esa imposición de escoitar programas de radio que fan pensar como Diario Cultural ou Aberto por Reformas?, Ou ese incongruencia de seguir coa cidade da cultura, cando antes, cando aínda se podía parar, a criticaran? ou a imposición aos promotores de construír vivendas dignas coas Normas do Hábitat? Ou iso de obrigar a non construír na costa?. Como non queixarse do bipartito?

Se non te gusta o que pasa, quéixate agora do bipartito!!

Obrigas e imposicións, ataques a liberdade, falla de transparencia. Si. A xente tiña motivos para queixarse, señor Moscón. Así que agora, se non está conforme, ¡a queixarse ao bipartito!.

Asinado. Don Paio.

Máis en http://moscon.blogaliza.org/

domingo, maio 20, 2007

Enderezo a partir do 20 de maio de 2007

O novo enderezo a partir do 20-05-2007, é http://moscon.blogaliza.org/

Como vai quedar isto (e novo enderezo http://moscon.blogaliza.org)

Coido que son horas de escribir algo no blog ou deixalo para sempre.

Evidentemente non me dou reorganizado. Non podo seguir co blog tal e como estaba pensado, por falta de tempo, pero tampouco quero renunciar a el. Así que non escribirei con tanta frecuencia como facía pero espero seguir de cando en vez.

Deste xeito desaparecerá “o moscón semanario” http://omoscon.blogspot.com/ pois éme imposíbel manter esa periodicidade.

Como queda dito a páxina principal do blog pasa a ser http://moscon.blogaliza.org.

Ademais espero seguir coa “mosquipedia”. Especialmente co debate nuclear (http://omoscondenu.blogspot.com) problema que me parece cada día máis próximo. De feito nos mentideiros xa se fala de que o asalto final das eléctricas a prol desta enerxía será na próxima lexislatura.

Por exemplo, en A Nosa Terra (enlace) podemos ler o seguinte parágrafo “Outros grandes operadores están agardando a facer o mesmo pero Endesa adiantouse porque, segundo un empresario que estivo nalgunha destas reunións, nas negociacións para a opa de Endesa, o goberno central pactou cos grandes operadores eléctricos o novo marco. Nel, o Estado asumirá o control de facto das enerxías eléctricas renovábeis para tamén se comprometer a pór en marcha a enerxía nuclear logo das elección xerais.”

A postura do PP e da Ceoe de pretender duplicar a producción de enerxía nuclear nos próximos dez anos, xa é coñecida (enlace) . (espero ter rematado antes desa data os catro puntos- limpa, segura, barata e abundantes combustibeis- que, coido, deben centrar o debate)

Finalmente pedir desculpas polas modificacións que fai showzoho nas presentacións, en xeral positivas, pero que deixan a algunhas a medio funcionar.

sexta-feira, janeiro 26, 2007

Semana 19 a 26 xaneiro 2007

Galiza

Premio Xosé Couso. A semana pasada referiámonos en o moscón internacional á orde de busca e captura dos asasinos de Xosé Couso. Supoñemos que a orde aínda non lle debeu chegar ao Bush (este correo...) ou que andarán fuxidos, ou...

Pero agora o que toca reseñar é a convocatoria da 'III Edición do Premio Xosé Couso de liberdade de prensa'... continuar.

De empresas galegas: A semana empezou cun aparente novo pao á nosa lingua. O hotel Louxo de “La Toja”, estabelecía como norma de cortesía para os empregados de recepción “non falar galego”. O que parecía unha nova denuncia dunha situación máis normal do que parece... continuar

Península

Humorista. Faise eco Mundo Galiza dunhas declaracións do noso gran humorista Aznar ao xornal Il Messaggero sen desperdicio. Baixo o suxerinte título “por que hai que defender a Israel” prosigue en clave de humor... continuar

Tráxico . Pode acabar en traxedia. O empecinamento de De Juana Chaos... continuar

Europa

Risco de marea negra . Houbo un susto na costa. Outro susto, esta vez, por sorte para nós, na costa inglesa ... continuar

Mundo

Foro Social Mundial. O Foro Social Mundial de 2007 estase a celebrar en Nairobi durante estes días de acordo co programa... continuar

Foro económico mundial Por outra banda máis de dous milleiros de líderes políticos e empresariais de todo o mundo reúnense esta semana en Davos, Suíza, para outra edición do Foro Económico Mundial... continuar.

Pasatempos

1) Pleno ao 13. Non, non estou chamando á mala sorte. Trátase dun novo deporte que está acadado grandes resultados en Galiza. Si, porque malia estar aínda nos seus inicios o nivel xa vai moi alto. Máis, primeiro explicaremos as regras de xogo: O choio consiste en averiguar o resultado dunhas oposicións, antes de se celebraren.

Non, eu nunca dixen que fora fácil... continuar.

2) Atopa as tres rúas... continuar

Pasatempo. Pleno ao 13

Non, non estou chamando á mala sorte. Trátase dun novo deporte que está acadado grandes resultados en Galiza. Si, porque malia estar aínda nos seus inicios o nivel xa vai moi alto. Máis, primeiro explicaremos as regras de xogo: O choio consiste en averiguar o resultado dunhas oposicións, antes de se celebraren.

Non, eu nunca dixen que fora fácil. De feito, o primeiro atranco é que aínda non hai colexio de árbitros polo que, para darlle fiabilidade, a previsión hase de facer diante dun notario, o que imaxinamos que sae por un prezo que non está para "aficionadillos". Ademais, as regras de xogo, a priori, son complicadas. No ultimo partido, por poñer exemplo, participaban 115 xogadores para 13 prazas e tratábase de acertar o maior número. Estas circunstancias tal vez expliquen que so houbera un participante no xogo, o psoe local. E entón chegou a sorpresa, acadaron un pleno, 13 de 13.

Nun xogo similar, pleno ao 46 , o mesmo grupo do psoe, pero neste caso de Lugo, acadara o nada desprezábel resultado de 45. Case pleno, si.

Esperamos que estes bos resultados animen a máis afeccionados de xeito que este novo deporte se afiance entre nós e acade sona internacional. Podería haber liguiñas locais, unha liga nacional (galega), outra estatal e, finalmente, internacional (maxínemos un interesante encontro Galiza-Polonia, por poñer un exemplo, aproveitando a coincidencia horaria...)

Un deporte autenticamente Made in Galiza. Preguemos porque políticos como o alcalde de Lalín ou o “presi” da “depu” de Lugo, aguanten as próximas eleccións. ¡Diso depende o futuro deste novo e prometedor deporte que, de trunfar, levará o nome da nosa nazón de Breogán ate o confín do mundo! ¡e máis alá...!.

O pasatempo - Atopa as tres rúas


Para ver en pantalla enteira premer botón inferior dereito.